martes, 22 de octubre de 2013

CAUREL - FESTA DA CASTAÑA




Día: 9 e 10 de novembro de 2013.

Hora de saída:  7:00 h. do sábado.

Hora de chegada:  20:00 h. aproximadamente do domingo.

Lugar de saída e chegada: Vilar do Colo.


Sábado: Rota do río pequeno


Ficha técnica:

Situación: Serra do Courel.
Distancia: 16 km.
Tempo: 6h.
Dificultade: Media

Descrición da rota:

            O río Pequeno, ten unha lonxitude de preto de 10 km. Dende o seu nacemento en Pedrafita do Courel e a súa desembocadura no Lor en Seoane, as augas do río Pequeno corren entre soutos, campos de cultivo, devesas e aldeas de pedra, madeira e lousa (algunhas das cales habitadas, outras só trazos do pasado).
            Parte do carreiro que vai atravesar foi ata ben entrado o século XX, a única forma de comunicación entre os pobos que se instalaron en busca de protección das montañas e á localidade de Seoane.
            Soutos centenarios, sequeiros abandonados, aldeas agora silenciosas, campos aínda traballados e fervenzas que recórrense nesta rota circular. Ó val do río Pequeno forma parte dunha das rutas máis recoñecidas do Courel.
            A rota comeza en Seoane e lévanos ao longo dos seus 16 km. a través dos ditos bosques, ás veces con vellas casas de pedra, por monte baixo e pequenas aldeas. Pasaremos polos pobos de Paderne e Mercurín. O camiño e pouco concorrido.


Domingo: mina da toca


Ficha técnica:

Distancia: 2.5 km.
Dificultade: Baixa.


Descrición da rota.

            As explotacións auríferas da Toca e Torubio, baseábanse no sistema de “ruína montium”, a base de subir a auga ata as vetas de mineral por un enleado sistema de canles e facela baixar polos túneles escavados previamente. Este é o mesmo procedemento que se utilizaba nas famosas minas leonesas das Medulas no Bierzo.
            A mina da Toca está situada no monte comunal entre os pobos de Piñeira e Vilela, municipio de Folgoso do Courel. A mina atópase sobre a crista dunha escarpada falla que se eleva máis de 250 m., en vertical, da marxe dereita do regato de Vilela, na súa desembocadura no río Lor. O relevo do terreo circundante é crebado e abrupto, con altos cumes e estreitas  e fondas gargantas, polas que discorren infinidade de regatos alimentados coa auga do desxeo.
            É unha explotación aurífera romana ao descuberto na que se aprecia con nitidez como para o seu aproveitamento seguíronse os filóns de cuarzo aurífero incrustados na rocha de xisto cristalino. O ouro atópase nos filóns de cuarzo transversais ao eixo da mina (os paralelos a el son estériles). Estes filóns auríferos foron intensamente explotados por Roma, como o demostran as explotacións próximas de Torubio Oeste, Torubio Leste, Millares e Monte Barreiro: En total, nas cinco explotacións, removéronse uns 2.700.000 m3 de rocha, deles, 800.000 m3 foron na Mina da Toca.
            Esta rota comeza cunha subida ata chegar á aldea de Piñeira, onde atopamos un panel informativo de As Capelas, á beira da capela de San Vicente. Desde este punto proseguimos en moderado ascenso ata a Mina da Toca, onde atopamos o panel informativo da mina. Dende aquí pódese observar na ladeira de diante a mina de Torubio Oeste. Despois de bordear a mina pola vertente sur-oeste, comezaremos o descendo ata a aldea de Piñeira.


Prezo

            47€ por persoa, este prezo inclúe o transporte, os seguros obrigatorios, a durmida no Albergue do Folgoso do Courel, en réxime de aloxamento e almorzo. Neste albergue hai roupa de cama e toalla de baño, polo cal non fai falla levalas da casa.
            O xantar do sábado haberá que levalo da casa.
            A cea do sábado e o xantar do domingo non está incluído no prezo.
            Para a cea do sábado a organización levará unhas empanadas, unhas bandexas de fiambre, pan, auga, cervexa e gasosa, esto vai a escote. E a maiores o que queira levar algo da casa será benvido.
            O domingo o que queira poderá comer no Restaurante “Anduriña” en Seoane, o comedor o temos reservado para o grupo, o prezo do menú é 10€, o que queira comer ten que avisar no momento de apuntarse, para reservar o número de comensais.
            O que queira pan fresco para o xantar da rota poderá collelo en Seoane, polo cal o que queira pan ao inscribirse avisar que pan quere para encargalo con antelación.


Inscrición

            Poderá facerse a inscrición chamando ao número de teléfono 667 232 513 ou na dirección de correo avvmontefaro@gmail.com ata o día 31 de outubro.
            O pago farase no mesmo número de conta na que se viña facendo ata o de agora.
           
            Para calquera aclaración ou consulta non dubidedes en poñervos en contacto connosco.
            Rógase que a persoa que teña pensado acudir a ruta, que se anote o antes posible para poder facer a reserva de habitacións no albergue.
            O número de prazas é de 32.

           
 Importante

            Hai que levar:
·          Calzado e roupa de montaña.
·          2 bastóns por persoa.

Nota

            Se o día da ruta o tempo non nos deixa facela, haberá outras rutas alternativas.
            Tamén podedes visitar o noso blog avvmontefaro.blogspot.com.es, onde atoparedes a información da rota e as fotos das que fixemos anteriormente.

jueves, 3 de octubre de 2013

ROTA SENDA "EL ARCEDIANDO" E VEGA DE ENOL

Día: 26 e 27 de outubro de 2013.

Hora de saída: 5:00 h. do sábado.

Hora de chegada:  21:30 h. aproximadamente do domingo.

Lugar de saída e chegada: Vilar do Colo.


Sábado: Senda “el ARcediano”

Ficha técnica:

Situación: Parque Nacional de los Picos de Europa.
Municipios cércanos: Soto de Sajambre, Amieva.
Distancia: 16,5 km.
Tempo: 5h. 25 min.
Punto de saída: Soto de Sajambre (925m)
Punto de chegada: Amieva (605m)  
Dificultade (M.I.D.E.): 2-1-2-3
Desnivel de ascenso: 550 m.
Desnivel de descenso: 900 m.
Cota máxima: 1540 m.
Cota mínima: 605 m.

Itinerario:

           Soto de Sajambre-Valdelosciegos-Los Collaos-Collada de Beza-Portilla del Tarabicu-Pondemones-Toneyu-Sabugo-Curies-Les Valleyes-Collado de Angón-Amieva.

Descrición da rota:

            A Senda do Arcediano chegou a ser unha das vías de comunicación máis importante entre o oriente asturiano e a Meseta. No século X coñecíase como Vía Saliámica, nome relacionado co seu máis que probable orixe romano. O seu actual nome data do século XVIII, cando D. Pedro Díaz de Oseja, Arcediano de Villaviciosa e natural de Sajambre reserva no seu testamento partidas destinadas á reparación e mantemento da ruta. O camiño discorre dende o Porto do Pontón ata as inmediacións de Cangas de Onís, cruzando ao seu paso os bosques sajambriegos e as malladas do concello de Amieva.
         Ao longo do percorrido pódense disfrutar algúns dos máis sorprendentes paisaxes dos Picos de Europa. Espesos bosques da faias e carballos, extensas praderías  e acolledores pobos contrastan cos cumios próximos do Macizo Occidental dos Picos de Europa. Ao longo da rota o camiñante descubrirá lugares de incomparable beleza, como a pradería e carballeiras de Verrunde, a Pica Ten, Os Collaos, o collao de Beza, as malladas de Saugu e Toneyo, e pobos como Oseja, Soto e Amieva.

        Camiño lineal, ben sinalizado, que partindo dende o pobo de Soto de Sajambre vai en continuo ascenso ata a Portilla de Tarabicu, dende onde poderemos disfrutar dunha fermosa vista do Macizo Occidental o Cornión e a Cordilleira Cantábrica. A partir de aquí, discorre todo o trazado en descenso ata chegar á collada de Angón e de aí a Amieva, final da etapa.


Domingo: Vega de Enol

Ficha técnica:

Distancia: 5 km.
Dificultade: Baixa.

Descrición da rota.

            É unha rota circular pola cal pasaremos tanto polo Lago Enol como polo Lago Ercina. Estes lagos son de orixe glaciar formados a partir da acumulación de masas de xeo no período cuaternario e que mantiveron o seu nivel freático.
          Para facer esta rota sairemos de aparcadoiro de Buferrera, con dirección ao Lago Enol, e máis grande en superficie e máis profundo (ata 25m.) e non permite o desenrolo de vexetación interna, polo que a súa vez non ten case presencia de aves acuáticas. Logo chegaremos á Ermida del Buen Pastor, e chegamos a Vega de Enol, onde unha gran pradería esténdese ante os nosos ollos, despois iremos ao Monte Palomberu, unha vez que o atravesemos chegaremos a Vega Bricial, na cal formase un lago ou lagoa temporal, este é o terceiro lago de Covadonga, e está alimentado por unha espectacular cascada denominada polos veciños como “ La Meona”, pero só se forma en época de desxeo. Antigamente toda a vega era un gran lago, este lago podería ser permanente si se taponasen as fallas e sumidoiros que hai no seu fondo, que se forman  de maneira natural. Cando ten auga é grande e fermoso.
           Logo de pasar Vega Bricial atravesamos a vella mallada de pastores de Las Reblagas, onde podemos deternos para contemplar os patos salvaxes. E por fin chegamos ao Lago Ercina, que ten moi pouca profundidade (2,5 m.) e de forma alongada, e o que se atopa a maior altitude. Nel poden verse durante todo o ano algunhas poboacións de aves acuáticas como fochas e patos reais, que se alimentan da vexetación acuática que crece dende o fondo a escasa profundidade. Logo atravesaremos a Vega de Tiese  e subiremos ao Miradoiro de Entrelagos dende onde pódese divisar os dous lagos o Enol e o Ercina, e por fin regresaremos ao aparcadoiro, non sen antes parar a tomar un café no restaurante do Lago Ercina.




 
 
prezo

           85€ por persoa, este prezo inclúe os monitores acompañantes, o transporte, os seguros obrigatorios, a durmida no Hotel “Casa Fermín” en Cangas de Onís, en réxime de aloxamento e almorzo.
            O xantar do sábado haberá que levalo da casa.
            A cea do sábado e o xantar do domingo non está incluído no prezo.
         O viaxe será directo a Cangas de Onís onde pararemos tres cuartos de hora onde podemos aproveitar para mercar pan e tomar un café.


Inscrición

            Poderá facerse a inscrición chamando ao número de teléfono 667 232 513 ata o día 20 de outubro.
            O pago farase no mesmo número de conta na que se viña facendo ata o de agora.
            Para calquera aclaración ou consulta non dubidedes en poñervos en contacto connosco.
         Rógase que a persoa que teña pensado acudir a ruta, que se anote o antes posible para poder facer a reserva de habitacións no hotel.
            O número de prazas é de 30.