martes, 22 de octubre de 2013

CAUREL - FESTA DA CASTAÑA




Día: 9 e 10 de novembro de 2013.

Hora de saída:  7:00 h. do sábado.

Hora de chegada:  20:00 h. aproximadamente do domingo.

Lugar de saída e chegada: Vilar do Colo.


Sábado: Rota do río pequeno


Ficha técnica:

Situación: Serra do Courel.
Distancia: 16 km.
Tempo: 6h.
Dificultade: Media

Descrición da rota:

            O río Pequeno, ten unha lonxitude de preto de 10 km. Dende o seu nacemento en Pedrafita do Courel e a súa desembocadura no Lor en Seoane, as augas do río Pequeno corren entre soutos, campos de cultivo, devesas e aldeas de pedra, madeira e lousa (algunhas das cales habitadas, outras só trazos do pasado).
            Parte do carreiro que vai atravesar foi ata ben entrado o século XX, a única forma de comunicación entre os pobos que se instalaron en busca de protección das montañas e á localidade de Seoane.
            Soutos centenarios, sequeiros abandonados, aldeas agora silenciosas, campos aínda traballados e fervenzas que recórrense nesta rota circular. Ó val do río Pequeno forma parte dunha das rutas máis recoñecidas do Courel.
            A rota comeza en Seoane e lévanos ao longo dos seus 16 km. a través dos ditos bosques, ás veces con vellas casas de pedra, por monte baixo e pequenas aldeas. Pasaremos polos pobos de Paderne e Mercurín. O camiño e pouco concorrido.


Domingo: mina da toca


Ficha técnica:

Distancia: 2.5 km.
Dificultade: Baixa.


Descrición da rota.

            As explotacións auríferas da Toca e Torubio, baseábanse no sistema de “ruína montium”, a base de subir a auga ata as vetas de mineral por un enleado sistema de canles e facela baixar polos túneles escavados previamente. Este é o mesmo procedemento que se utilizaba nas famosas minas leonesas das Medulas no Bierzo.
            A mina da Toca está situada no monte comunal entre os pobos de Piñeira e Vilela, municipio de Folgoso do Courel. A mina atópase sobre a crista dunha escarpada falla que se eleva máis de 250 m., en vertical, da marxe dereita do regato de Vilela, na súa desembocadura no río Lor. O relevo do terreo circundante é crebado e abrupto, con altos cumes e estreitas  e fondas gargantas, polas que discorren infinidade de regatos alimentados coa auga do desxeo.
            É unha explotación aurífera romana ao descuberto na que se aprecia con nitidez como para o seu aproveitamento seguíronse os filóns de cuarzo aurífero incrustados na rocha de xisto cristalino. O ouro atópase nos filóns de cuarzo transversais ao eixo da mina (os paralelos a el son estériles). Estes filóns auríferos foron intensamente explotados por Roma, como o demostran as explotacións próximas de Torubio Oeste, Torubio Leste, Millares e Monte Barreiro: En total, nas cinco explotacións, removéronse uns 2.700.000 m3 de rocha, deles, 800.000 m3 foron na Mina da Toca.
            Esta rota comeza cunha subida ata chegar á aldea de Piñeira, onde atopamos un panel informativo de As Capelas, á beira da capela de San Vicente. Desde este punto proseguimos en moderado ascenso ata a Mina da Toca, onde atopamos o panel informativo da mina. Dende aquí pódese observar na ladeira de diante a mina de Torubio Oeste. Despois de bordear a mina pola vertente sur-oeste, comezaremos o descendo ata a aldea de Piñeira.


Prezo

            47€ por persoa, este prezo inclúe o transporte, os seguros obrigatorios, a durmida no Albergue do Folgoso do Courel, en réxime de aloxamento e almorzo. Neste albergue hai roupa de cama e toalla de baño, polo cal non fai falla levalas da casa.
            O xantar do sábado haberá que levalo da casa.
            A cea do sábado e o xantar do domingo non está incluído no prezo.
            Para a cea do sábado a organización levará unhas empanadas, unhas bandexas de fiambre, pan, auga, cervexa e gasosa, esto vai a escote. E a maiores o que queira levar algo da casa será benvido.
            O domingo o que queira poderá comer no Restaurante “Anduriña” en Seoane, o comedor o temos reservado para o grupo, o prezo do menú é 10€, o que queira comer ten que avisar no momento de apuntarse, para reservar o número de comensais.
            O que queira pan fresco para o xantar da rota poderá collelo en Seoane, polo cal o que queira pan ao inscribirse avisar que pan quere para encargalo con antelación.


Inscrición

            Poderá facerse a inscrición chamando ao número de teléfono 667 232 513 ou na dirección de correo avvmontefaro@gmail.com ata o día 31 de outubro.
            O pago farase no mesmo número de conta na que se viña facendo ata o de agora.
           
            Para calquera aclaración ou consulta non dubidedes en poñervos en contacto connosco.
            Rógase que a persoa que teña pensado acudir a ruta, que se anote o antes posible para poder facer a reserva de habitacións no albergue.
            O número de prazas é de 32.

           
 Importante

            Hai que levar:
·          Calzado e roupa de montaña.
·          2 bastóns por persoa.

Nota

            Se o día da ruta o tempo non nos deixa facela, haberá outras rutas alternativas.
            Tamén podedes visitar o noso blog avvmontefaro.blogspot.com.es, onde atoparedes a información da rota e as fotos das que fixemos anteriormente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario