CAMPA DA BRAÑA - PIORNEDO
Día: 29 de marzo de 2014.
Hora de saída: 7:00h.
Hora de chegada: 21:30 h. aproximadamente.
Lugar de saída e chegada: Vilar do Colo.
Dificultade: Media
Distancia: 15 quilómetros.
DESCRICIÓN DA ROTA
Ao chegar a Degrada - Campa da Braña, localidade coñecida polas
Brañas de Brego e o Club dos Ancares, encontrámonos á dereita o
cruzamento que nos leva cara á Aula de Natureza do Parque dos
Ancares.
Un
dos itinerarios que podemos seguir dende o pobo de Degrada é a
subida ao pico Dos Tres Bispos, chamado así porque, parece ser, que
era o lugar onde se reunían os bispos das tres dióceses lindantes.
Nesta zona existen bosques de acivros, árbores de espectacular
beleza. Debido a que esta especie de flora está en perigo de
extinción, actualmente sanciónase a súa poda e recolección no
campo.
A
nosa ruta comeza en Campa da Braña, parte un camiño, recén
arranxado, cara ao val do río Pontes, afluente do río Ser, que
escaba un profundo val. O río Ser é o principal afluente do Navia.
No
fondo do val está o pobo de Robledo. Neste pobo podemos ver a
primerira das pallozas. Pola súa situación, na ladeira, pódese
ver, xusto en fronte, o pobo de Xantes e Donís, o noso próximo
destino.
Despois
de visitar Robledo dirixímonos a Donís, parroquia de San Félix, en
costa na ladeira. É un pobo que garda os seus segredos, unha
sorprendente igrexa e un gran muíño. Un camiño cómodo e
relativamente curto serpea para deixar o visitante internarse polo
pobo.
Na
aldea de Donís tibo lugar un singular feito histórico en 1873,
cando os pobres paisanos, fartos de pagar impostos sen ter que
levarse nada á boca, encerran o recadador e declaran a República
Independente de Donís. Claro que foi soamente durante uns poucos
días, porque as autoridades provinciais, ao ter coñecemento do
levantamento, enviaron forzas da Garda Civil que disolveron de
inmediato o minúsculo Estado. En Donís cabe destacar o Pazo de
Vilar de Donís. Presenta dous escudos na fachada principal. Posúe
unha capela pegada. A casa - torre de Donís, como tamén se chama,
sinala unha supervivencia señorial no seo dun pobo de pastores. O
conxunto foi propiedade de dúas familias: Sanmartiño Pambley e os
Ron.
Abandonado
Donís, chegamos ao pobo de Piornedo, situado a 19 quilómetros, por
estrada, de Campa dá Braña. Esta aldea prerromana é a máis típica
Dos Ancares e goza da consideración de Conxunto Histórico-Artístico.
Está situada a 1,300 metros de altitude, moi preto do límite con
León e do vello porto que comunicaba Galicia con Castela. Nun paseo
por este pobo podemos visitar o seu atractivo principal, as pallozas,
antigas vivendas dos habitantes desta zona. Na actualidade úsanse de
corte para os animais. Presentan unha planta oval, circular ou
elíptica, e sobre ela aséntanse un tellado en forma de cono feito
de palla de centeo, breixo ou piorno. As paredes son de cachetaría.
A superficie do tellado, moi empinada, consegue que a neve e a auga
non se acumulen e exerzan excesivo pero, evitando así posibles
derrubamentos. Non contan con chemineas, xa que o fume traspasa a
palla, o que ao mesmo tempo contribúe a unha maior conservación
deste. O mobiliario tradicional destas vivendas contaba cunha lareira
para facer lume e cociñar, un forno para cocer pan e un dormitorio.
O espazo reservado para os animais encontrábase xusto debaixo, no
nivel inferior, para así aproveitar a calor desprendida por eles. Ao
lado destas construccións populares é usual encontrar o hórreo
típico da zona.
Algunhas
destas edificacións conservan o seu aspecto orixinal e son
auténticos museos que poden ser visitados. Un claro exemplo é a
palloza-museo Casa do Sesto, habitada ata 1970. Está composta por
unha estanza sen apenas ventás e con tellado de palla de centeo.
Nela consérvanse mobles e utensilios de diferentes épocas
utilizados polos seus habitantes.
Pódese
visitar os fins de semana e os días festivos dende outubro a finais
de maio. De xuño a setembro está aberto todos os días, agás
durante as vacacións dos propietarios.
Na
entrada de Piornedo hai unha fonte, construída por aceha popular, na
que aparece a inscrición “Hizose en 1787. Viva Piornedo”. Preto
deste lugar pódese visitar a Capela de San Lorenzo. Dende ela
iníciase a ruta que sobe ao Pico Mostallar.
RECOMENDACIÓNS
- Poderase levar unha mochila con roupa e calzado para cambiarse ao final da rota que quedará no bus.
- Roupa de abrigo, flexible e cómoda.
- Botas de camiñar.
PREZO
23€ por persoa, este prezo inclúe viaxe en bus, e seguros
obrigatorios.
INSCRICIÓN
Poderá facerse a inscrición chamando ao número de teléfono 667
232 513 ou na dirección de correo avvmontefaro@gmail.com
ata o día 24 de marzo.
O pago farase no mesmo número de conta na que se viña facendo ata
o de agora.Para calquera aclaración ou consulta non dubidedes en poñervos en contacto connosco.
Rógase que a persoa que teña pensado acudir a ruta, que se anote o antes posible.
O número de prazas é de 55.


No hay comentarios:
Publicar un comentario